4 oct 2012

A CIG DENUNCIA QUE NOS ÚLTIMOS CATRO ANOS DE DERTRUÍRON EN GALIZA MÁIS DE 100.000 EMPREGOS


Hai 259.373 persoas desempregadas, pero os datos sen maquillar, segundo o propio Servizo Público de Emprego Estatal, arroxan unha cifra total de 275.859 parados/as
A perda de emprego en Galiza avanza imparábel. Nos últimos catro anos destruíronse máis de 100.000 postos de traballo, rexistrándose, no pasado mes de setembro, un total de 259.373 persoas desempregadas, un 0,82% máis (2.106 parados/as máis) respecto do mes de agosto. Porén, ese incremento foi do 11,36% respecto do mesmo mes do ano pasado, o que implica que nun ano se destruíron 26.455 empregos.

As cifras do paro son aínda máis alarmantes se temos en conta os chamados DENOS, Demandantes de Emprego non Ocupados, que son ademais dos parados rexistrados aqueles que non se computan porque, aínda sendo parados, están realizando, por exemplo, un curso de formación. Tendo isto en conta, en Galiza, o total de persoas desempregadas ascende, segundo datos do Servizo Público de Emprego Estatal, a 275.859.
O sector Servizos foi o peor parado, cun incremento do 3%. Por provincias as da Coruña e Pontevedra superan, ambas as dúas, os 100.000 desempregados/as. En concreto, na Coruña hai 103.560 parados/as rexistrados/as e en Pontevedra 102.658.
Para a CIG é especialmente preocupante a alta temporalidade e, xa que logo, a precariedade laboral que isto implica. No mes de setembro asináronse un total de 60.957 contratos, dos que o 92,2% foron eventuais e tan só un 7,8% indefinidos.
Sen ningún tipo de prestación
Os datos tamén evidencian a grave situación económica na que se atopan as desempregadas e desempregados en Galiza. Segundo o Servizo Público de Emprego, un 40,6% non cobran ningún tipo de prestación. Isto significa que un total de 106.408 persoas non están percibindo ningún tipo de ingresos.
Ante isto, a CIG alerta das graves consecuencias que terá o endurecemento das condicións para acceder ás prestacións por desemprego e ás prestacións non contributivas, que abocará á exclusión social ás persoas desempregadas e ás súas familias.
Os indicadores constatan, polo tanto, a nula eficacia da reforma laboral, que lonxe de favorecer a creación de emprego está a provocar a súa destrución e as graves consecuencias que están a ter as políticas económicas do PP, incapaces de reactivar os nosos sectores produtivos.