Os servizos xurídicos da CIG desaconsellan presentar reclamacións individuais
Están a ser distribuídas, por
diferentes colectivos e organizacións, varios modelos de reclamación ou recurso individual contra a aplicación da
nova redución salarial aos empregados públicos, operada mediante « a supresión tanto da paga extraordinaria
como da paga adicional de complemento específico ou pagas adicionais
equivalentes do dito mes », consonte aos artigos 2 e 3 do Real
Decreto -lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a
estabilidade orzamentaria.
Tales modelos baséanse, en todos os casos, en que a
supresión da paga extraordinaria completa entrou en vigor en data posterior á
aquela en que a paga comeza a ser xerada e, polo tanto, non pode suprimirse na súa
totalidade, mediante unha aplicación retroactiva dos efectos da medida
adoptada. A Asesoría Xurídica Nacional da CIG desaconsella ás empregadas e
empregados públicos a presentación de reclamacións -tipo, polos seguintes
motivos:
a) A supresión da paga extraordinaria
non responde a unha decisión administrativa, senón que é consecuencia do
mandato dunha norma con rango de lei
formal. As administracións, organismos, entes ou empresas públicas non
poden deixar de aplicar unha lei, polo que esas reclamacións están condenadas
ao fracaso en vía administrativa.
b)
A presentación de
reclamacións -tipo pode ter consecuencias
negativas para a persoa interesada. Se a administración emite unha
resolución desestimatoria e esta non é impugnada xudicialmente, prodúcese un acto administrativo firme e consentido,
de modo que a interesada non pode repetir a reclamación no futuro.
c)
A presentación de demandas xudiciais, nomeadamente en vía
contencioso -administrativa, pode carrexar a imposición de custas procesuais. Ademais, unha sentenza desestimatoria produce o
efecto de cousa xulgada, coas mesmas
consecuencias, xa explicadas no punto anterior, que un acto administrativo
firme e consentido.
En todo caso, as reclamacións non poden dirixirse
contra o real decreto-lei, senón contra os seus actos de aplicación e, particularmente, contra a redución en nómina da paga extraordinaria,
que terá lugar no mes de decembro.
Recursos de
inconstitucionalidade presentados por Navarra e Extremadura
Dado que a supresión da paga extraordinaria foi
acordada mediante Real Decreto -lei, só o Tribunal Constitucional pode resolver
sobre a súa conformidade a dereito. Igual que a administración, os xulgados e tribunais ordinarios non
poden deixar de aplicar unha norma legal. Como moito, poden elevar ao
Tribunal Constitucional a denominada « cuestión
de inconstitucionalidade » (art. 163 CE) se entenden que a lei que deben
aplicar é contraria á Constitución, o que acontece en moi raras ocasións. A
outra posibilidade de que o Tribunal Constitucional poida resolver sobre a
eventual inconstitucionalidade do Real Decreto-lei 20/2012, do 13 de xullo, é
que algún dos suxeitos lexitimados -50 deputados, 50 senadores, o defensor do
pobo ou unha comunidade autónoma- presente o que se chama «recurso de inconstitucionalidade» (art. 162 CE).
Neste sentido, o pasado día 27 de setembro, o pleno do
Parlamento de Navarra decidiu recorrer perante o Tribunal Constitucional
a supresión da paga extraordinaria de decembro dos empregados públicos, baseándose
tanto na « in- idoneidade constitucional » do decreto -lei para suprimir, a
metade de exercicio, un dereito retributivo básico, como na posíbel vulneración das
competencias forais sobre función pública. Tamén a Asemblea de Extremadura aprobou, o día 21 de setembro, presentar
recurso de inconstitucionalidade, por razóns similares.
Se o Tribunal Constitucional estima os recursos de
Navarra e Extremadura, declarando a inconstitucionalidade do decreto -lei, a sentenza beneficiará a todas as
empregadas e empregados públicos, salvo a aqueles que, como consecuencia dunha
reclamación individual, obtiveran unha resolución desestimatoria firme e
consentida en vía administrativa, ou ben
unha sentenza desestimatoria con efectos de cousa xulgada en vía xudicial.
A CIG apoia todas as accións reivindicativas que se utilicen para mostrar o rexeitamento das empregadas e empregados públicos a un conxunto de medidas que constitúen un ataque sen precedente aos nosos dereitos individuais e colectivos. Non obstante, fai un chamamento á cautela para evitar resolucións desfavorábeis que poidan prexudicar os propios interesados.